OS LIBROS
Estes son os meus libros polo momento.
(Se che interesa ampliar información sobre algún deles, preme no título ou na portada.)
Atranco no banco
ISBN: 978-84-9151-405-3
2019. Editorial Galaxia
Hai atracos e hai atracadores, pero poucos tan zoupóns, trapalleiros e inútiles como os que tentan roubar o banco nesta divertida comedia de Manuel Núñez Singala. Un dúo de ladróns sen vocación, un director do banco máis delincuente que os propios atracadores, unha secretaria que parece inxenua pero que non o é tanto. Personaxes que fían unha disparatada trama onde a risa está máis que garantida. E tamén, como é norma do autor, unha obra que nos vai facer pensar, entre gargallada e gargallada, aínda que só sexa un pouquiño.
Noite de temporal
ISBN: 978-84-16834-54-9
2017. Obradoiro. Santillana
A madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o vapor correo Santa Isabel, con 270 persoas a bordo, afrontou un terrible temporal nas costas galegas. Esta novela, rigorosamente documentada, narra con ritmo vibrante os extraordinarios acontecementos daquela noite memorable.
As reaccións da tripulación e da pasaxe e a heroica actuación dos habitantes da costa que acudiron no seu auxilio constitúen un impresionante exemplo de entrega, solidariedade e valentía. Porque só fronte aos auténticos desafíos somos quen de descubrir de que substancia están feitas as persoas.
Sacar a lingua é de mala educación
ISBN: 978-84-9151-042-0
2017. Editorial Galaxia
Un volume que procura argumentos e estratexias para aproveitar as posibilidades que, tanto a adultos como a nenos, lles brinda a vida nunha comunidade bilingüe que se insire nunha Europa multilingüe e nun mundo cunha extraordinaria riqueza idiomática.
Ao longo deste volume expóñense de maneira sinxela e clara os motivos polos que todos os habitantes de Galicia deberían ser competentes nas dúas linguas oficiais da comunidade e empregar esa destreza como trampolín para adquirir outras o antes posible. Porque en cuestión de linguas o importante é sumar.
Camiños na auga
ISBN: 978-84-9865-684-8
2016. Editorial Galaxia
O protagonista desta novela é Szymo, alguén que naceu nunha zona mergullada na pobreza e no conflito, nun lugar afastado e a miúdo intolerante cos que, coma el, se saen do común. A súa inquebrantable determinación de perseguir o soño de atopar un mundo mellor lévao a percorrer miles de quilómetros na procura dun sitio onde a súa diferenza non sexa un estigma que poña en perigo a súa vida.
Manuel Núñez Singala compón un relato de aventuras, unha narración de viaxe, e tamén unha novela de iniciación. Acompañando a Szymo nos camiños na auga que constitúen o seu percorrido, poderemos descubrir unha persoa que en esencia é, malia a súa diferenza, moi semellante a nós mesmos. Quizais así sexamos quen de comprender.
Instrucións para tomar café
ISBN: 978-84-9865-551-3
2014. Editorial Galaxia
Instrucións para tomar café é un libro de relatos moi breves. Un concentrado de narracións que inclúe nun cento de páxinas catro volumes: un libro de reclamacións que en realidade non é tal, un libro de estilo que tampouco, un libro de instrucións para non galegos dirixido precisamente a estes, e un libro de contos que si é o que parece pero que ao final tampouco resulta selo.
Trátase dun conxunto de relatos cos que se pretende indagar sobre nós mesmos, verbo do que nos fai grandes como seres humanos e tamén arredor das nosas mesquindades, sobre o que nos define como persoas e como galegos, e todo isto dende a ironía, cunha perspectiva impregnada de humor e retranca.
Menú de enganos
ISBN: 978-84-9865-290-1
2010. Editorial Galaxia
Velaquí un dos libros máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Literatura á carta. Unha carta literaria. Literatura con sabor.
Historias gorentosas para darlle gusto ao noso padal. Contos para comer, para mastigar de vagar, para gozar e repetir. Un menú completísimo. Dieta de palabras absolutamente perfecta.
Planificación estratéxica
ISBN: 84-8487-168-1
2009. Edicións Laiovento
Trátase dunha obra de teatro breve, na que dous únicos personaxes presentan unha intriga policial que xera unha tensión crecente que se revelará só nun inesperado final.
En galego, por que non?
ISBN: 978-84-9865-184-3
2009. Editorial Galaxia
En galego, por que non? é un libro escrito desde a lóxica máis esmagante, desde o sentido común máis evidente. É un libro para pensar sobre o galego e sobre as nosas actitudes fronte da lingua.
A través de exemplos moi concretos e doados de entender, asistiremos a un exercicio de derruba dos prexuízos e as simplificacións que seguen tendo, arredor da lingua, un eco notable na opinión pública. Un libro para entendermos que optar polo galego non é algo antigo, nin errado, nin minoritario, nin rural, nin, desde logo, algo propio de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social.
Comedia bífida
ISBN: 978-84-7154-057-7
2007. Editorial Galaxia
Cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego.
Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin san Pedro.
Mar de fondo
ISBN: 978-84-8288-167-6
1997. Editorial Galaxia
Unha noite de verán nunha vila do litoral galego. Óese un disparo e aparece unha muller morta.
Hai tamén un sospeitoso, un home corrente que de súpeto experimenta o mundo como un lugar hostil no que terá que sobrevivir ata probar a súa inocencia.
O achado do castro
ISBN: 978-84-9865-536-0
1990. Sotelo Blanco Edicións
2014. Editorial Galaxia
O autor lévanos á Roma antiga, mais faino xogando coa lingua obrigando a que os personaxes falen coma nós, con termos de hoxe en día, o que nos leva a situacións moi cómicas desde un "Latín" un chisco especial.
Como boa historia romana, hai un emperador, que é de todo agás espelido, soldados, filósofos barbudos e sabios, e... unha historia de amor. Humor, situacións inauditas e, sobre todo, unha lectura engaiolante.