top of page

OUTROS LIBROS

 

Estes son libros escritos en colaboración con outros autores. 

A lingua en 2050

ISBN: 978-84-122499-8-9

2021. Catro Ventos Editora

Fernando Ramallo (coord.)

«Como imaxinas a situación da lingua en 2050?». Esta foi a pregunta feita a 25 persoas ligadas ao galego (xornalistas, profesorado, escritoras, políticos…). Aquí recollemos a súa visión de como estaremos, mais tamén os seus desexos de como lles prestaría estar. 

Este volume colectivo conta coas reflexións e soños sobre a situación da lingua galega en 2050 de Fran Alonso, Xesús Alonso Montero, Celso Alvarez Cáccamo, Xosé Luís Axeitos, Darío Xohán Cabana, Conchi Cochón Rodríguez, Xosé-Henrique Costas González, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Valentín García Gómez, María Pilar García Negro, Xenaro García Suárez, Luís López Alonso, Rosa López Fernández, Anxo M. Lorenzo Suárez, Marcos Maceira Eiras, X. L. Méndez Ferrín, Henrique Monteagudo, Teresa Moure, Manuel Núñez Singala, Fernando Ramallo, Xosé Luís Regueira, Gabriel Rei-Doval, Francisco Rodríguez Sánchez, Rexina Rodríguez Vega e Iolanda Teixeiro Rei.

ENSAIO
Terminoloxía e normalización

ISBN: 978-84-16954-79-7

2018. Universidade de Santiago de Compostela

Edición a cargo de Manuel Núñez Singala

Este volume recolle a práctica totalidade dos traballos presentados na XII Xornada Científica Realiter (Rede panlatina de terminoloxía) que tivo lugar en Santiago de Compostela o día 9 de xuño de 2016 e que os seus autores reelaboraron para seren editados. O lector atopará, nas sete linguas da rede, reflexións moi variadas verbo do tema da Xornada que xirou nesta ocasión sobre Terminoloxía e Normalización. Normalización entendida nos dous sentidos que esta palabra posúe en varias linguas románicas, a saber, por un lado a extensión do uso da lingua naqueles contextos en que se considere preciso, e polo outro, á estandarización do corpus das linguas de especialidade. 

ENSAIO
Avaliación da competencia do alumnado de 4º da ESO nos idiomas galego e castelán

ISBN: 978-84-9887-393-1

2010. Universidade de Santiago de Compostela

VV.AA.

Este estudo presenta a avaliación comparada da competencia do alumnado de 4º da ESO nos idiomas galego e castelán, e da súa relación con variables sociodemográficas, sociolingüísticas e escolare; unha competencia que se concretou fundamentalmente na capacidade de expresión oral e escrita, e , de xeito complementario, no dominio da gramática e do léxico dos dous códigos.

ENSAIO
Lingua e futuro

ISBN: 978-84-8487-181-9

2010. Edicións Laiovento

VV.AA.

Este volume recolle dez artigos ligados entre si polo obxectivo central de ofrecer alternativas actuais á situación da lingua galega na actualidade.

Mergullándose na complexidade da situación sociolingüística actual, as autoras e os autores dos textos que se inclúen nesta obra colectiva achegan as súas interpretacións reparando nos matices e fuxindo de descricións monolíticas e simplistas. O público lector achará, pois, nestas contribucións discursos heteroxéneos que conflúen na necesidade tanto de preservar o galego como lingua propia e principal deste país como de denunciar o asasinato das linguas como máis unha ferramenta de opresión e de dominación.

ENSAIO
Niveis de competencia en lingua galega

ISBN 13: 978-84-453-4306-7

ISBN 10: 84-453-4306-8

2006. Xunta de Galicia

VV.AA.

Descrición de habilidades e de contidos adaptados ao Marco europeo común de referencia para as linguas.

Podes descargalo en pdf aquí

ENSAIO
Sempre mar

ISBN: 84-607-9145-9

2003. Asociación Cultural Benito Soto

VV.AA.

Relatos contra a burla negra

RELATOS
Longa lingua

ISBN: 84-8302-812-3

2002. Edicións Xerais de Galicia

VV.AA.

Longa lingua xorde dunha proposta que ao tempo é un reto: escribir un relato co que tentar reflectir e intepretar a nosa realidade lingüística. O resultado: 18 narradoras e narradores que, a petición da Mesa pola Normalización Lingüística, poñen nas nosas mans a súa peculiar visión do noso idioma e da súa situacón social, nun volume insólito que demostra unha vez máis que compromiso e literatura poden ir da man axudándonos a entender e interpretar o mundo que nos rodea. Porque, parafraseando a Rilke, a lingua é a auténtica patria dos galegos e galegas.

RELATOS
Minirelatos

Edición non venal

1999. Librería Cartabón. Vigo

VV.AA.

Brevidade. Narración na súa expresión mínima. Reto na concisión. Relato en estado puro. Retrato. Visión persoal do fotógrafo. Cámara. Lectura.

RELATOS
O idioma na Universidade de Santiago de Compostela

ISBN: 84-8121-730-1

1998. Universidade de Santiago de Compostela

Maricarme García Ares/Manuel Núñez Singala/Modesto A. Rodríguez Neira/Begoña Varela Vázquez

Traballo de investigación sobre a situación sociolingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

ENSAIO
A información en galego

ISBN: 84-88553-02-1

1996. Edicións Lea

Helena Goyanes Vilar/Manuel Núñez Singala/Patricia Romero Rodríguez/Miguel Túñez López

Os medios actúan como vehículos e soportes das informacións que se producen no seo dunha colectividade e que son de interese para unha parte ou a totalidade dese grupo, delimitado na práctica pola difusión real da publicación. Nun coherente exercicio de comunicación, non é posible falar á vez dúas linguas o mesmo que non é posible escribir á vez dous idiomas. A práctica do bilingüismo oral ou escrito é unha manifestación de alternancia pero nunca un exercicio simultáneo. Nos xornais ocorre o mesmo. Pódense mesturar frases en castelán e en galego, pero a referencia dominante é unha das dúas. Sen pretender analizar por que é como é o mapa dos medios de comunicación escrita que se publican diariamente en Galicia, o presente traballo quere ser un reflexo da situación actual do idioma nos xornais.

ENSAIO
bottom of page